REFLEXIÓN FINAL SOBRE "AMBIENTES PERSOAIS DE APRENDIZAXE"

Remata o curso de "Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación" proporcionado pola Plataforma de Teleformación Galega (PLATEGA). Sen dúbida, é un dos cursos máis completos dos que teño realizado como docente. A propia natureza do curso así o esixía: os recursos á hora de sacarlle partido a un Entorno Persoal de Aprendizaxe (o que chamamos PLE) e establecer para iso unha Rede Persoal de Aprendizaxe (PLN) son múltiples, variados, e cada tipo de ferramenta web conta con varias alternativas.

Os titores do curso mostráronnos todo tipo de recursos web. E para aprender hai que pasar á acción: as actividades foron subindo en nivel de dificultade, dende crear unha conta de mail ata traballar nunha comunidade de práctica (CoP) cos outros alumnos do curso.

Hai que dicir que os titores fixeron un seguimento continuo das nosas dúbidas e comentarios, establecendo lazos para axudarnos entre os alumnos, facendo o traballo dinámico e eliminando os atrancos que nos atenazaban ao atopar algunha ferramenta nova. Pero así debe funcionar unha PLN, non si?

No caso dos que non somos "nativos" da web 2.0 aprendimos a desenvolvernos na net xa na nosa vida adulta, polo que case sempre somos cautos á hora de abrir contas e manexar determinadas ferramentas. No meu caso, as esixencias profesionais e a constatación da utilidade dalgunhas plataformas foron menguando os meus recelos cara o risco de sobreexposición, de "estar en demasiados sitios da web". A eterna loita entre apocalípticos e integrados...

Se ben todas as ferramentas e servizos traballados son útiles na nosa labor de profesores, coido que o principal é saber incluílos no momento de establecer e manexar as CoPs, para integrar o traballo de todo o departamento, por exemplo, ou para darlle un pulo á aprendizaxe dinámica dos nosos alumnos facendo actividades colectivas con eles/entre eles de moi diversa natureza a través da rede. Os blogs de aula e a plataforma Agueiro supoñen a apertura de espazos que considero especialmente útiles.

Como trasfondo de todo o dito, traballado e exposto, coido que non debemos esquecer a importancia fundamental da chamada "curación de contidos", como xa dixen na entrada anterior; é algo que todo aquel que abra o navegador debe ter en conta, e algo indisoluble da tarefa dos profesores na actualidade.

En xeral estou satisfeito co curso: aprendín a manexar ferramentas e recursos de todo tipo e a comprender a utilidade doutros xa coñecidos. Non me queda máis que dar as grazas a titores e compañeiros: Grazas e ata sempre!

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

TRABALLOS XEOGRAFÍA E HISTORIA DE GALICIA 2º BAC. 2º trimestre

ACTIVIDADE REINO SUEVO 2º ESO